Friday 03 de May de 2024

Ovidio Rodeiro presenta en Fitur a Ferrolterra como un destino familiar cunha gran oferta ao redor do patrimonio e da natureza


O delegado territorial da Xunta participou na presentación de “Activo 365 días- Turismo Familiar en Ferrolterra-Rías Altas”, organizada polo seus correspondente Xeodestino

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou nunha das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 39º edición de Fitur, a Feria Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde o pasado mércores e que remata hoxe venres.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a Comunidade galega se presenta nesta feria como un destino no que os seus principais atractivos residen no patrimonio, na natureza, na mar e na cultura galega”. Neste senso, apuntou que “Ferrolterra conta con todos estes recursos polo que cumpre con todas as condicións para captar un turismo de calidade que busca viaxar sen présas e aproveitar todo o potencial das zonas que visita”.
Ovidio Rodeiro participou na presentación “Activo 365 días- Turismo Familiar en Ferrolterra-Rías Altas”, organizada polo seu correspondente Xeodestino.
O delegado territorial lembrou que Galicia conta coa Estratexia de Turismo 2020 na que os Xeodestinos son unha peza fundamental xa que permiten a colaboración proactiva cos concellos que os conforman para lograr desenvolver todo o potencial dos recursos turísticos dun territorio. Esta estratexia establece como obxectivo incrementar o número de visitantes á nosa comunidade un 21%, ata superar os seis millóns de turistas no 2020.
En relación co Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas Ovidio Rodeiro lembrou que conta con convenio bianual (2018-2019) no que a Consellería de Cultura e Turismo aporta 120.000 euros. Un dos eixos de traballo deste convenio é potenciar esta zona como un destino familiar. Un tipo de visitante moi a ter en conta o que levou á Xunta de Galicia a crear produtos específicos como o “Selo Galicia destino familiar” para poñer en valor a oferta galega e que todo o que nos visite poida identificar os servizos turísticos que se ofrecen
Ovidio Rodeiro destacou que este Xeodestino conta cuns espazos de alto valor natural e paisaxísticos que o converten nun destino único e diferenciado no que o surf, o turismo activo e o turismo slow son as liñas fundamentais.
“O noso obxectivo, recalcou, é estender os mapas dos Xeodestinos como un puzle no que cada peza conta, e no que todos temos que colaborar. Por iso, é tan importante que se creen figuras directivas encargadas da xestión diaria para que haxa unha corresponsabilidade que nos permita avanzar máis e mellor”.
Ovidio Rodeiro participou nos diferentes actos programados nas diferentes xornadas de Fitur, nas que o stand de Galicia acolleu diversas presentacións. O delegado estivo constantemente arroupando e apoiando aos alcaldes da provincia e ás entidades que quixeron aproveitar o espazo habilitado pola Xunta para dar a coñecer as súas ofertas.